Friday 26 de April de 2024

A Xunta realiza traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do Rego de Oza e os ríos Monte Neme e Barcia no concello de Carballo


Estas tarefas de Augas de Galicia lévanse a cabo en distintos tramos destes ríos no seu percorrido polos distintos lugares da parroquia de Razo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego de Oza e os ríos Monte Neme e Barcia, no concello de Carballo.
As tarefas estanse a desenvolver en distintos tramos destes ríos, que coinciden co seu percorrido polos distintos lugares da parroquia de Razo.
Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta, así como a roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.